Escena Galega estrea directiva, capitaneada por Santiago Cortegoso e adhire 4 novas compañías socias, ampliando o seu peso sectorial

Escena Galega estrea directiva, capitaneada por Santiago Cortegoso e adhire 4 novas compañías socias, ampliando o seu peso sectorial

Santiago Cortegoso é o novo presidente, á cabeza dunha candidatura ampla, paritaria, plural e diversa en tipoloxía de compañías

Escena Galega (Asociación de Empresas de Artes Escénicas de Galicia) estrea directiva. A última Asamblea Xeral da Asociación votou o martes pasado unha nova listaxe directiva presidida por Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro) que colle o relevo da anterior, que levaba a Juan Rodríguez (Caramuxo Teatro) á cabeza. Este novo grupo asumirá as responsabilidades motrices da asociación nun mandato que se extenderá ata 2024.

Patricia de Lorenzo -Grupo Chévere- vicepreside dende a pasada semana Escena Galega, sendo dende o pasado martes Eva Triñanes (Charlatana) a encargada dos labores de secretaría e Gustavo del Río (Os Náufragos Teatro) o novo tesoureiro. No relativo ás vogalías, Belem Brandido (Pistacatro), Jorge Rey Rivas (Títeres Cachirulo), Eva Alonso (Teatro do Noroeste), Paula Quintas (Paula Quintas-Cía) e Juan Rodríguez (Caramuxo Teatro) completan a composición desta nova equipa directiva da entidade sectorial.

A nova xunta directiva da asociación é ampla na súa composición, caracterizándose tamén pola paridade, pluralidade e diversidade a nivel de tipoloxía de compañías. Mantéñense cinco vogalías, dándoselle continuidade á de danza e artes do movemento pola entrada continúa de produtoras deste eido. Do mesmo modo, aglutina representantes de compañías veteranas con outras de nova creación, sendo un bo reflexo da diversidade representativa dentro de Escena Galega.

Entrada de compañías novas

Na Asamblea Xeral tamén se votou a inclusión de novas compañías como socias, que enriquecen as propostas de Escena Galega e continúan a situala como a entidade máis aglutinadora a nivel estatal nas súas características. Así, Ártika Cía, Fran Sieira Compañía de Danza e Sil Producciones/Artes en movemento pasan a ser asociadas de Escena Galega, sumando a entidade actualmente 52 empresas produtoras.

 

A Asociación de Empresas de Artes Escénicas de Galicia quere agradecer o labor desenvolto nestes últimos anos á directiva saínte -especialmente a María Torres, Guillermo Carbajo, Anxo Manuel como saíntes, o resto continúan a ter postos nesta nova directiva- polo seu bo facer traballo en prol das artes escénicas galegas.

© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.