SERVIZOS E PROXECTOS

Que ofrecemos?

Traballamos para a mellora do sector das artes escénicas e servimos como nexo de unión entre compañías produtoras, institucións e outras entidades colaboradoras. Apoiamos ás nosas compañías socias ofrecéndolles o soporte necesario para impulsar os seus proxectos profesionais dentro e fóra de Galicia.

FORMACIÓN CONTINUA 

Desenvolvemos programas de capacitación profesional de balde para socias en ferramentas de ofimática, estratexias de produción e distribución, accesibilidade e inclusión na cultura, comunicación e xestión de redes sociais ou cuestións xurídicas. 

MERCADO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS 

Dende 2019 coorganizamos xunto coa Agadic o mercado galego das artes escénicas Galicia Escena Pro, un punto de encontro profesional que estimula a contratación dos espectáculos de produción galega e busca impulsar a proxección social dentro e fora da Comunidade. 

INTERCAMBIO CULTURAL 

A través do proxecto de artes escénicas Camiño Escena Norte, coas nosas entidades parceiras en Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e La Rioxa. Un roteiro cultural cunha intensa programación de actividades que conecta as terras veciñas do noroeste arredor da mediación, o intercambio e a reflexión. 

INTERLOCUCIÓN COA AGADIC E DEPUTACIÓNS 

Traballamos para a mellora das convocatorias de axudas públicas de creación e distribución, así como dos circuítos RGTA (Rede Galega de Teatro e Auditorios) e Cultura no Camiño, a través dun diálogo permanente coa Agadic-Xunta de Galicia. Tamén coidamos a interlocución coa Rede Cultural da Coruña e a Pontegal de Pontevedra para a mellora dos seus programas e circuítos. 

TRABALLO EN REDE 

Colaboramos a nivel estatal co resto de asociacións homólogas noutras CC.AA., baixo o paraugas da federación Faeteda, no que intervimos en cuestións como a interlocución co Ministerio e INAEM, comisións de traballo sobre o programa PLATEA ou ordenamento xurídico do sector dependente do ámbito estatal. 

COMISIÓNS E MESAS DE TRABALLO PERMANENTES 

Xeramos espazos nos que poidan participar todas as compañías socias interesadas e nas que se debatan temas e cuestións de interese para o sector. 

SERVIZO DE ASESORÍA 

Ofrecemos ás nosas socias un servizo de asesoría legal, fiscal e laboral, de balde. Contamos tamén puntualmente cun servizo de consultoría e asesoramento gratuítos sobre axudas públicas. 

PROMOCIÓN E DIFUSIÓN 

Apoiamos dando visibilidade a toda a actividade profesional por medio da publicación do noso catálogo de compañías, así como a asistencia a feiras e foros sectoriais (Mercartes, Fira Tárrega, MADFeria, Fetén, Ciudad Rodrigo…). 

Proxectos actuais da asociación

A asociación promove ou coorganiza 2 proxectos culturais de dinamización profesional e sectorial:

GALICIA ESCENA PRO

Escena Galega coorganiza dende o 2019 o mercado galego das artes escénicas xunto á Xunta de Galicia, por medio da Agadic. Dende a súa sétima edición, a cita anual inaugura un novo xeito de funcionamento e de xestión que mantén e reforza as finalidades coas que naceu este evento. A través dunha escolma de espectáculos de recente produción e doutras actividades, Galicia Escena PRO continúa a tomarlle o pulso á actualidade do sector. Ao tempo, bríndalles aos seus profesionais unha plataforma dende a que expoñer os seus novos traballos diante do público xeral e dos programadores e programadoras, e demais axentes culturais.

Xunto coa súa faceta de exhibición, Galicia Escena PRO artella un punto de encontro profesional indispensable do noso sistema escénico, que busca estimular a dinámica comercial e a proxección social da creación escénica galega.

CAMIÑO ESCENA NORTE

Camiño Escena Norte é un proxecto de intercambio cultural por medio das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa que, promovido polas asociacións Escena Galega, EscenAsturias, Acepae, Eskena, Escena Navarra e aescena , despregará este 2025 unha intensa programación de actividades en 70 sedes destas 6 Comunidades, por medio do circuíto de teatro, danza e novo circo Itinerario Constelacións e da programación expandida Camiño Expandido, con encontros, obradoiros, accións de formación ou estancias de creación artística.

© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.