Escena Galega suma 3 novas socias, consolidándose como a asociación sectorial de empresas de artes escénicas máis aglutinante do Estado

Escena Galega suma 3 novas socias, consolidándose como a asociación sectorial de empresas de artes escénicas máis aglutinante do Estado

Colectivo Glovo, Kirenia Danza e Rebordelos xa forman parte da asociación sectorial

A última Asamblea Xeral -celebrada a pasada semana- ratificou a entrada de tres novas produtoras a asociación de empresas de artes escénicas de Galicia. As coruñesas Kirenia Danza e Rebordelos e a lucense Colectivo Glovo son xa compañías socias posicionando cada vez con máis forza a nosa asociación como a máis aglutinante das súas características a nivel estatal. Pode revisarse a información completa de todas eles neste apartado da nosa web. Con estas novas incorporacións, refórzase a tendencia que se vén dando nos últimos tempos na sección de danza e artes do movemento, coa inclusión de cada vez máis empresas produtoras destas disciplinas.

A poucos días do comezo do ano da celebración do 20º aniversario, a nosa entidade continúa a revelarse como un interlocutor válido entre o sector das escénicas e a administración pública, en diálogo permanente coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)-Xunta de Galicia, as distintas deputacións provinciais e outras entidades a nivel estatal a través da Faeteda, a federación sectorial das e os empresarios de escénicas estatal -á que Escena Galega tamén pertence-. A día de hoxe ESCENA GALEGA abrangue a unha enorme porcentaxe do sector escénico profesional galego, compoñendo un conxunto de estruturas de produción e creación de moi diversas tipoloxías a nivel profesional, nos eidos do teatro para a infancia e a mocidade, teatro para público adulto, monicreques, danza e artes do movemento e novo circo.

Servizos da asociación para empresas asociadas

Dentro do decálogo de servizos que oferta a asociación -que pode revisarse completo aquí-, atópanse propostas como os nosos programas de formación continua e capacitación profesional, asesoría legal, fiscal e laboral ou a produción de eventos como Galicia Escena PRO (en colaboración coa Agadic), Camiño Escena Norte (coas nosas homólogas en Euskadi, Cantabria e Asturias), Culturgal (xunto a outras entidades sectoriais galegas), as xa tradicionais Xornadas Profesionais Anuais e, dende este 2021, as Xornadas de Venda e Promoción de Espectáculos.

Despois da crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19, o número de asociadas viuse reforzado coa entrada dun 25% máis de empresas produtoras, contando actualmente con 51 compañías de teatro, danza e novo circo.

© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.