Skip to main content
Escena Galega reúne 110 profesionais na VI Xornada de Promoción Escénica, que acada a maior participación das súas seis edicións

Escena Galega reúne 110 profesionais na VI Xornada de Promoción Escénica, que acada a maior participación das súas seis edicións

A cita reuniu 42 profesionais da programación e 45 compañías e distribuidoras e propiciou máis de 160 encontros para explorar novas oportunidades de colaboración e contratación

A VI Xornada de Promoción Escénica de Escena Galega reuniu o pasado martes, 20 de outubro, 110 profesionais no edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e acadou a maior participación das súas seis edicións. O encontro contou con 42 profesionais da programación cultural e 45 compañías e distribuidora nunha xornada destinada a fortalecer as relacións entre os distintos axentes do sector e favorecer a circulación, distribución e contratación dos espectáculos galegos.

Nesta edición, a asociación renovou os formatos de traballo para propiciar un intercambio máis directo e produtivo. A programación articulouse arredor de tres actividades: Micro aberto!, O que a escena galega ten no forno e Café e dossier, esta última con máis de 160 encontros profesionais ao longo da tarde.

A xornada comezou con Micro aberto!, un espazo de diálogo no que participaron Carlos Lorenzo, do Concello de Carral; Eduardo Faria, de Varazim Teatro; Nieves Lema, do Concello de Vimianzo; e Eva Alonso, presidenta de Escena Galega. As intervencións abordaron diferentes vías para fortalecer a escena galega: desde a mellora da comunicación cos públicos e a creación de vínculos máis próximos ata a colaboración entre Galicia e o norte de Portugal, entendido como un territorio artístico compartido no que impulsar coproducións e novas oportunidades para as compañías. Tamén se presentou M.O.L.A., o proxecto do Concello de Vimianzo que conecta muralismo, oralidade, literatura e arte para dinamizar a cultura e o territorio.

Pola súa banda, Eva Alonso avanzou algunhas das liñas de traballo que Escena Galega prepara para 2027, ano no que celebrará o seu 25º aniversario. Entre elas figuran novas iniciativas de exhibición e acompañamento ás compañías, accións de accesibilidade e inclusión, recoñecementos ao sector e unha nova web con axenda das artes escénicas galegas.

A continuación, O que a escena galega ten no forno ofreceu unha panorámica dos proxectos nos que xa traballan doce compañías asociadas: Sarabela Teatro, La Guajira, Marta Alonso Tejada, Pedras de Cartón, Baixo da Area, Amorodio Teatro, Laboratorio Escénico, Teatro de Ningures, LaGriot’te, Sempre Arriba, Elefante Elegante e Producións Teatrais Excéntricas. Nun formato renovado de presentacións breves, as compañías deron a coñecer non só os seus recén estreados ou vindeiros espectáculos, senón tamén procesos de creación, investigación artística e iniciativas pedagóxicas.

Pola tarde, Café e dossier reformulou a tradicional rolda de negocio cun formato máis distendido de reunións entre compañías e profesionais da programación. Os máis de 160 encontros celebrados permitiron coñecer propostas, compartir proxectos e explorar posibles vías de colaboración e contratación, favorecendo un diálogo máis próximo entre as distintas partes.

A VI Xornada de Promoción Escénica estivo financiada pola Xunta de Galicia, a través da Agadic, e consolídase como un espazo de referencia para o encontro profesional, a presentación de proxectos e a creación de oportunidades para a escena galega.

FaLang translation system by Faboba