Skip to main content
As Xornadas Profesionais de Escena Galega 2026 baten récord de participación para abordar o futuro das artes escénicas no ámbito escolar

As Xornadas Profesionais de Escena Galega 2026 baten récord de participación para abordar o futuro das artes escénicas no ámbito escolar

O encontro reuniu 85 profesionais das artes escénicas, da programación e do eido educativo

As Xornadas Profesionais Escena Galega 2026 reuniron o pasado martes 29 de setembro no Pazo da Cultura de Narón 85 profesionais das artes escénicas, da programación e do ámbito educativo, o que sitúa esta edición como a de maior participación ata o momento neste encontro que constitúe desde hai máis de quince anos un espazo estable para a reflexión e o traballo colectivo do sector en Galicia. A actividade estivo subvencionada pola Deputación da Coruña e contou co apoio e financiamento do Padroado de Cultura do Concello de Narón.

Baixo o título ‘Programacións e circuítos escolares de artes escénicas: modelos, exemplos de boas prácticas e propostas de futuro’, a xornada centrouse nunha cuestión que Escena Galega considera unha das necesidades actuais do sector: a falta dunha programación estable de artes escénicas dirixida ao público infantil e xuvenil no ámbito escolar.

Cara a un circuíto escolar galego

Un dos momentos centrais da xornada foi a presentación do proxecto dun circuíto escénico escolar galego impulsado por Escena Galega, a cargo de Tone Martínez, vicepresidente da entidade e coordinador da comisión de traballo de públicos escolares.

A iniciativa contempla unha fase piloto no primeiro trimestre de 2027, con presenza en oito localidades das catro provincias galegas, e combinará a exhibición de espectáculos con accións de mediación e traballo cos centros educativos. Na presentación, Martínez referiuse tamén aos cambios nos hábitos de consumo cultural detectados tras a pandemia da COVID-19 e sinalou que o momento actual é especialmente interesante desde o punto de vista da creación artística. “O reto está en atopar espazos e canles de programación para as compañías especializadas no público infantil e xuvenil”, explicou.

O proxecto pretende avanzar cara a un modelo de programación escolar que non se limite á exhibición de espectáculos, senón que incorpore o acompañamento, a participación e a creación de vínculos entre as artes escénicas, o alumnado e o ámbito educativo.

Experiencias e modelos de programación escolar

A primeira mesa, ‘Modelos de circuítos e programacións escolares’, permitiu coñecer experiencias desenvolvidas en diferentes territorios do Estado. Begoña García, coordinadora de Cole al Teatro, de Cantabria; Sara Sáez, directora do Proyecto Re-Crea, de Murcia; Enrique Torres, membro da comisión de Infancia e Mocidade de ARTEMAD e do Proyecto Aulas, de Madrid; e Gonzalo Moreno, secretario xeral de ASSITEJ España, compartiron modelos con diferentes percorridos e características.

Un elemento común destas experiencias foi a importancia de incorporar a mediación como parte da programación escolar, evitando que a relación entre escena e alumnado quede reducida ao momento de asistir a unha función. Durante o debate tamén se puxo o acento nunha cuestión de fondo: estas iniciativas non deben entenderse unicamente como unha estratexia de creación de públicos, senón como unha forma de contribuír á formación cultural da sociedade e de garantir o acceso ás artes escénicas desde a infancia.

Esta perspectiva estivo tamén presente na segunda mesa, ‘A mediación como fórmula de relación cos centros de ensino e o público escolar’, na que participaron Gustavo del Río, responsable da unidade do Padroado da Cultura do Concello de Narón; Roger Fernández, coordinador de proxectos educativos do Mercat de les Flors de Barcelona; e María Torres, codirectora de Elefante Elegante.

O papel da escola

A terceira mesa, ’Ámbito escolar: Artes escénicas e escola, unha relación aínda por desenvolver’, incorporou ao debate a perspectiva de diferentes axentes do sistema educativo e da cultura. Participaron Mariola Cerdeiro, da Federación ANPAS Costa da Morte; Rosalía Fernández, profesora de ensino secundario; Cristina Domínguez, do Consello da Cultura Galega; e Montse Pena, profesora de Literatura Infantil e Xuvenil da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre as dificultades sinaladas apareceu a propia organización do calendario escolar. Rosalía Fernández explicou como a necesidade de aprobar os proxectos educativos de centro (PXA) ao comezo do curso pode limitar a incorporación de novas accións ao longo do ano. Desde a súa experiencia docente, compartiu tamén unha forma de traballar o teatro na aula na que o máis relevante non é necesariamente chegar a unha peza final, senón todo o que o alumnado aprende durante o proceso.

Pola súa banda, Montse Pena incidiu no traballo que se realiza xa na formación universitaria dos futuros mestres e mestras, coa intención de poñer a semente do teatro no Grao de Educación Infantil. Cristina Domínguez destacou a importancia de estreitar os vínculos entre cultura e educación e de entender ambos os ámbitos como parte dun mesmo proceso de formación.

A necesidade dunha vontade política

A xornada pechouse cunha mesa dedicada á ‘A acción política indispensable para o desenvolvemento de proxectos escénicos para a comunidade escolar’, na que se abordou a necesidade de contar cunha vontade e un compromiso institucional que permitan consolidar este tipo de iniciativas. Neste último debate volveuse incidir na idea da cultura como un dereito, tamén para a infancia, e na necesidade de que as políticas culturais e educativas incorporen de maneira estable o acceso das novas xeracións ás artes escénicas.

Escena Galega convidara tamén a participar nesta mesa á Xunta de Galicia, tendo en conta o papel que pode desempeñar na articulación dun futuro circuíto escolar e a súa responsabilidade nas políticas culturais e educativas. Finalmente, a Administración autonómica non participou no encontro. Escena Galega lamenta esta ausencia, especialmente nun momento no que a propia Xunta contempla no novo Plan de Normalización Lingüística a creación dun circuíto escolar, unha medida directamente relacionada co obxectivo abordado ao longo das xornadas.

Seguinte cita: VI Xornada de Promoción Escénica

A actividade de Escena Galega continuará o martes 20 de outubro coa celebración da VI Xornada de Promoción Escénica, de 10.00 a 18.00 h na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, co apoio e financiamento da Xunta de Galicia a través da Agadic. O encontro reunirá compañías de artes escénicas e profesionais da programación cultural de Galicia e do Norte de Portugal nun espazo profesional de relación orientado a facilitar a distribución, venda e contratación de espectáculos e proxectos escénicos.

A inscrición para profesionais da programación cultural está aberta ata o domingo 4 de outubro ás 23.59 h nesta ligazón. Posteriormente abrirase o prazo de inscrición para as compañías asociadas a Escena Galega interesadas en participar no evento.

FaLang translation system by Faboba