Skip to main content
Escena Galega colabora coa Deputación da Coruña nun proxecto para facer máis accesíbel e inclusiva a Rede Cultural da provincia

Escena Galega colabora coa Deputación da Coruña nun proxecto para facer máis accesíbel e inclusiva a Rede Cultural da provincia

O proxecto enmárcase no programa ‘Unha Rede Cultural accesible’

O sector escénico galego representado en Escena Galega colabora coa Deputación da Coruña nun programa integral orientado a avanzar cara a unha Rede Cultural máis accesíbel e inclusiva, co obxectivo de garantir a participación en igualdade de condicións de todas as persoas nas propostas culturais da institución.

Presentada este 7 de abril coa participación da deputada de Cultura Natividade González, a presidenta de Escena Galega Patricia de Lorenzo e Carme Giráldez de Chévere, a iniciativa parte da consideración da cultura como un dereito e da necesidade de adaptar a Rede Cultural ás novas esixencias en materia de accesibilidade, incorporando este criterio como un elemento estrutural e non puntual na planificación, produción e mediación cultural. Escena Galega asume a produción e coordinación técnica do programa mentres que a asociada Chévere se encargará do deseño metololóxico, dinamización e asesoramento.

O proxecto enmárcase no programa ‘Unha Rede Cultural accesible’, que combina accións de sensibilización, formación e acompañamento dirixidas tanto ao persoal técnico municipal implicado na xestión da Rede como ás compañías de artes escénicas programadas. A proposta conta tamén coa participación activa de persoas con discapacidade e do seu tecido asociativo, co fin de incorporar as súas experiencias reais ao proceso.

Contidos do programa

O programa estrutúrase en tres tipos de actividades. Por unha banda, encontros de sensibilización orientados a achegar coñecemento sobre accesibilidade, abordando cuestións como terminoloxía, normativa, ferramentas dispoñibles, trato adecuado e boas prácticas. Nestes encontros participarán persoas con discapacidade visual, auditiva e cognitiva, que compartirán as súas necesidades de acceso á actividade cultural. Celebraranse cinco encontros no mes de maio, distribuídos por distintas áreas territoriais da provincia (Ferrol-Ortegal-Eume; A Coruña-Betanzos; Bergantiños-Soneira-Fisterra-Xallas; Compostela-Ordes-Arzúa-Barcala; e Barbanza-Muros-Noia-Sar), co obxectivo de facilitar a asistencia do persoal municipal.

Por outra banda, desenvolveranse encontros de formación dirixidos ás persoas que participen nas sesións de sensibilización, que terán lugar despois do verán e estarán centrados en dotar de coñecementos teóricos e prácticos sobre a implementación de medidas de accesibilidade na Rede Cultural.

Finalmente, o programa inclúe unha liña de asesoramento individualizado para compañías profesionais de artes escénicas interesadas en incorporar medidas de accesibilidade nos seus proxectos, xa sexan obras en proceso de creación ou espectáculos xa estreados. A través dunha convocatoria específica, seleccionaranse ata un máximo de dez propostas que recibirán acompañamento técnico.

Como complemento, elaborarase unha guía de accesibilidade con recursos e recomendacións prácticas que quedará dispoñible para concellos e compañías participantes, co obxectivo de consolidar coñecemento e facilitar a súa aplicación continuada.

Desde a perspectiva de Escena Galega, esta iniciativa representa un paso relevante no proceso colectivo iniciado hai anos mediante grupos de traballo e formacións específicas, que agora atopan continuidade nun marco institucional máis amplo. O enfoque participativo do proxecto, baseado no diálogo entre administración, sector profesional e persoas usuarias, configúrase como condición indispensable para avanzar cara a unha cultura verdadeiramente aberta e inclusiva na provincia da Coruña.

FaLang translation system by Faboba