
Balance de 2025 e propósitos de 2026 en Escena Galega Balance de 2025 e propósitos de 2026 en Escena Galega
O obxectivo para este ano é reforzar a estrutura da asociación con maior equipo e afrontar novos retos
O 2025 foi un ano moi intenso de actividade para Escena Galega, no que continuamos traballando polo sector e tentando ampliar e mellorar a actividade da asociación e os servizos que se prestan ás socias. Destacamos estes fitos: a sétima edición de Camiño Escena Norte como proxecto de cooperación interterritorial e promoción das artes escénicas galegas no exterior; a organización xunto á Axencia Galega das Industrias Culturais de Galicia Escena PRO como a feira das artes escénicas de Galicia e proxecto indispensable dentro da dinámica sectorial; as xornadas profesionais que exploraron unha nova liña de traballo sobre accesibilidade e inclusión nas artes escénicas que seguiremos desenvolvendo en 2026; e a xornada de promoción escénica e musical organizada con AGEM e que tivo récord de inscricións.
Para o ano 2026 os obxectivos son reforzar a estrutura da asociación con maior equipo e afrontar novos proxectos e ideas, co horizonte posto na celebración do 25 aniversario xa en 2027.
Facendo un breve repaso de 2025
Do 2 ao 5 de xuño tivo lugar a 12ª edición de Galicia Escena PRO, organizada xunto á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A feira galega congregou 225 profesionais da programación, distribución e produción de espectáculos de artes escénicas. As actividades programadas este ano incluíron 21 funcións de teatro, danza e circo contemporáneo, 12 presentacións de proxectos en formato pitching e dúas mesas redondas sobre boas prácticas na distribución e sobre o relevo xeracional na programación. Ademais, tivo lugar un intenso calendario de reunións entre as compañías galegas e máis de 80 responsables de mostras, circuítos e espazos escénicos tanto de Galicia como doutras sete comunidades autónomas e de Portugal co fin de favorecer a contratación de espectáculos de produción galega.
A actividade continuou en xuño coas xornadas profesionais de Escena Galega, que celebramos o día 17 por vez primeira en Pontevedra, grazas á colaboración coa Deputación. O programa deste ano estivo centrado na accesibilidade e a inclusión e, así, reflexionamos sobre o xeito de facer accesibles os proxectos escénicos para todas as persoas, derrubando barreiras e fomentando a participación de persoas con discapacidade. Isto enmárcase dentro do traballo que a asociación desenvolve desde o seu Grupo de Traballo de Accesibilidade e Inclusión.
Co outono chegou a sétima edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que promovemos desde Escena Galega con parceiras doutros 5 territorios da península. Baixo o lema 'Sementar, coidar, xermolar', máis de 8.700 espectadores desfrutaron da programación, que chegou este ano a 58 sedes ou espazos escénicos ao longo dos 6 territorios, ofrecendo tamén 2 talleres e 19 encontros posfunción.
Galicia estivo representada na programación polas compañías Chévere (Hellen Keller, a muller marabilla?), Paula Quintas Cía. (Multiperspectivas#3) e Pérez & Fernández (Nanai da China), todas asociadas á sectorial.
En outubro fixemos entrega dos III Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas. Talía Teatro converteuse na nova de socia de honra; A Panadaría recibiu a mención "ao labor transformador nas artes escénicas", Miguel Soto - RTA (Recursos Técnicos Artísticos) á traxectoria; A Artística – Vigo foi o mellor “proxecto de resistencia nas artes escénicas, a xornalista Ana Romaní levou o agradecemento por “facernos visibles” e o recoñecemento "á riquiñez e ao bo trato" foi para Copi Villaamil (animadora sociocultural do Concello de Neda). Podes ler aquí máis información.
Rematamos o repaso en decembro, mes no que celebramos a V Xornada Profesional de Promoción Escénica e Musical de Galicia, a cuarta edición organizada xunto a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM). No encontro déronse cita 36 compañías socias de Escena Galega e 12 bandas e artistas asociadas a AGEM. Ademais, este ano alcanzouse o número máximo de profesionais da programación acreditados, con 50 inscritos, e organizamos máis de 300 xuntanzas rápidas. Con este evento creamos un espazo de relación entre compañías, bandas de música, promotoras e distribuidoras e profesionais da programación escénica e musical, tanto de espazos públicos como privados, para axudar a facilitar a labor de distribución e venda dos espectáculos e actuacións musicais así como a súa contratación. Aquí podes ver o vídeo resumo da xornada.