Arranca a programación do 3º Camiño Escena Norte, o itinerario de intercambio cultural de Escena Galega coas súas parceiras en Asturias, Cantabria e Euskadi

Arranca a programación do 3º Camiño Escena Norte, o itinerario de intercambio cultural de Escena Galega coas súas parceiras en Asturias, Cantabria e Euskadi

Un ano máis, a proposta exténdese por múltiples espazos de localidades do territorio que percorre o camiño do norte a Compostela ata o vindeiro 10 de outubro

Dá comezo un ano máis Camino Escena Norte, a proposta de Escena Galega -xunto ás súas asociacións homólogas en Asturias, Cantabria e Euskadi- dun intercambio cultural de artes escénicas polo territorio do Camiño do Norte e Compostela. 

Itinerario Constelacións, a proposta escénica de Camiño Escena Norte 

Novamente, a organización propón o Itinerario Constelacións, eixo vertebrador do proxecto Camiño Escena Norte, é o itinerario de funcións de artes escénicas que percorrerá unha trintena de sedes nas 4 CCAA que configuran o territorio cultural común creado: Galicia, Principado de Asturias, Cantabria e Euskadi, entre Hondarribia e Santiago de Compostela.

Neste 2021 son 11 os espectáculos de teatro e danza que conforman a selección do noso itinerario, nunha programación de corte xeneralista na que prima a diversidade de linguaxes, estéticas e tipos de público. Unha pequena selección do mellor das artes escénicas galegas, asturianas, cántabras e vascas. Pódese revisar toda a programación, así como as sedes das diferentes localidades, aqui.

A proposta do Itinerario Constelacións arranca este domingo 12 de setembro en Compostela, co “La Naturaleza del Silencio” da compañía cántabra Babirusa Danza na Praza de Santo Martiño Pinario. A función contou cun obradoiro de movemento e contextualización do espectáculo previo, desenvolto ao longo da mañá na Escola de Danza Alfaia.

Camiño Expandido, roteiro de actividades de relación cos públicos xeralistas e sectoriais 

A programación expandida de camiño Escena Norte abarca un ano máis toda a actividade fora do itinerario de funcións como eixo vertebrador, rodéao e complementa multiplicando os seus efectos a nivel de relación cos públicos, encontro, mediación, dinamización profesional e sectorial. Está dividida en dous grandes bloques de actividades ou liñas de acción:

  • VIEIROS, Actividades Profesionais e Sectoriais

Nesta 3ª edición, dentro da programación expandida de camiño Escena Norte VIEIROS alberga a batería de actividades enfocadas no público profesional e as dinámicas sectoriais. VIEIROS o que pretende é abrir novos camiños e oportunidades máis aló do camiño principal, a propia programación de funcións da que formarán parte algunhas compañías. Queremos crear espazos de encontro, sinerxias, dinamización profesional e novas oportunidades neste territorio cultural común creado.

CRUZAMENTOS, Estancias de Intercambio Escénico

CRUZAMENTOS é unha rede de estancias de intercambio escénico, artístico e profesional entre Galicia, Principado de Asturias, Cantabria e Euskadi.

Esta nova iniciativa establece un tecido de espazos cómplices ao longo das 4 CCAA participantes no proxecto, 7 sedes que posibilitan unha urdimbre de estancias profesionais que pretenden conectar o traballo de creadores e creadoras e compañías dos 4 territorios, nos ámbitos da creación, a investigación escénica, formación, coprodución e en xeral do intercambio profesional no marco deste novo territorio común creado a partir do proxecto.

HABITACIÓN PEREGRINA PRO, Encontro Profesional

Entre o 14 e o 16 de setembro no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo terá lugar a 2ª edición de HABITACIÓN PEREGRINA PRO, encontro profesional de artes escénicas de Camiño Escena Norte.

Centrado en conectar aos diferentes axentes do sector nas 4 CCAA participantes no proxecto, esta iniciativa ten o formato dun encontro profesional cuns focos de interese moi claros: o encontro e sinerxias entre compañías e creadores e creadoras, a reflexión e formación ao redor dalgúns dos retos que afronta o sector escénico post-pandemia e as posibilidades de promoción,  visibilización e distribución das compañías nos distintos territorios de camiño Escena Norte.

Información e programa completo aquí.

  • ABEIROS, Actividades de Relación cos Públicos

ABEIROS alberga a batería de actividades para público xeral e/ou dirixida á relación e mediación cos públicos. As ideas de encontro, lugar seguro e relación tomámolas do concepto de “refuxio” como algo moi relacionado cos camiños, entendendo que estes ABEIROS serán espazos e lugares nos que compartir, aprender e crear lazos, sen perder de vista a idea de “seguridade” tan necesaria nestes tempos.

ACCIÓNS DE MEDIACIÓN AO REDOR DOS ESPECTÁCULOS

O programa de mediación co público constará de 2 tipos de actividades, unha previa á función e outra posterior. Estas serán:

  • Talleres previos de contextualización e traballo cos públicos ao redor das temáticas dos espectáculos
    A través de distintos talleres de mediación previos e asociados aos contidos e temáticas das funcións das Itinerario Constelacións, abordaremos a diversidade de linguaxes e estéticas que conforman a batería de espectáculos seleccionados. Serán actividades previas, para público infantil/familiar ou adulto dependendo do espectáculo, que acheguen ideas, conceptos, temáticas clave para o entendemento das pezas escénicas que o público verá despois, mediación que se verá tamén reforzada/completada cos encontros posteriores. Nos espectáculos de danza e artes do movemento centraremos estas accións previas no traballo sobre o movemento asociado á creación destes espectáculos.
    Realizaranse nun espazo diferenciado do espazo escénico, animando ao público para asistir na idea da experiencia total: non só ver un espectáculo, senón tamén acceder a unha(s) actividade(s) ao redor do mesmo que facilite(n) a súa comprensión.
    Estes talleres recollen o concepto de escola de espectadores/ as para realizar un traballo previo de mediación co público tendo moi en conta a riqueza temática, narrativa e expresiva que reflicten os espectáculos do Itinerario.

 

  • Debates e encontros posteriores ás funcións, coa compañía e mediados/acompañados por profesionais doutras compañías do territorio
    As posfuncións estarán protagonizadas por reunións de debate e intercambio ao terminar a función, organizadas para ter lugar desde o propio espazo escénico.

    Completando a mediación dos talleres previos, estes encontros servirán para coñecer máis en detalle o traballo da montaxe que o público acaba de ver, falar co elenco e, nalgunhas ocasións, co director/a e completar a experiencia inmersiva cunha velada completa, máis aló de ser simple espectador pasivo dunha peza escénica.

    Os encontros contarán con persoal de mediación que traballará previamente coas compañías no tratamento e organización dos temas de debate. Tamén servirán para interconectar compañías de distintos territorios con linguaxes e liñas artísticas similares, pois serán estas compañías “acolledoras” as que mediarán coa compañía “peregrina” durante o encontro, dinamizando o debate, enfocando as preguntas, etc.

ACTIVIDADES DE PARTICIPACIÓN EN LIÑA E OFFLINE

Propoñemos diferentes accións de participación co público no proxecto a través das RRSS, co obxectivo de comezar a tecer unha pequena “comunidade” en Camiño Escena Norte.

ENCONTROS CON COMPAÑÍAS E DEBATES

Ademais, propoñemos outras citas en liña con profesionais e axentes de referencia do sector sempre coa clave de tender pontes e abrir camiños de relación, reflexión e coñecemento profesional entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, sobre temáticas comúns e diversas. Serán en total 8 citas en liña.

Pode revisarse toda a información sobre o Camiño Expandido aquí.

Apoios de Escena Norte 

A iniciativa conta co apoio económico de gobernos e institucións das catro comunidades autónomas, así como do Goberno de España a través do Ministerio de Cultura e Deporte e do INAEM, e do grupo Vegalsa-Eroski como patrocinador. En Galicia, o programa conta co apoio destacado da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, ademais da Deputación de Lugo, a Deputación da Coruña, o Concello de Lugo e a Fundación SGAE. 

© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.