Rematou a 4ª edición do noso Camiño Escena Norte, que conectou compañías e públicos galegos, asturianos, cántabros, vascos e navarros durante catro semanas de programación

Rematou a 4ª edición do noso Camiño Escena Norte, que conectou compañías e públicos galegos, asturianos, cántabros, vascos e navarros durante catro semanas de programación

A iniciativa, promovida por Escena Galega xunto outras catro asociacións sectoriais estatais, da o peche á edición de 2022 coa súa programación máis expansiva

O pasado domingo 9 de outubro rematou a cuarta edición do noso proxecto Camiño Escena Norte que conecta compañías e publicos dos territorios do camiño norte a Compostela. Cunha xornada cargada de funcións e actividades en tres sedes, puxo o broche de ouro a súa proposta de 2022.

Arrancado o día 10 de setembro, acadou o sorriso do público nas 38 sedes onde tivo lugar. Máis compañías, máis espectáculos, máis territorios e máis propostas consguiron expandir o compromiso por promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e, este ano, tamén Navarra.

A cuarta edición contou con importantes novidades, como son a inclusión da provincia de Araba (completando así a programación no territorio de Euskadi), e da Comunidade Foral de Navarra no circuíto de representacións, ampliando a presenza do CEN no histórico itinerario do Camiño de Santiago. Esta ampliación supón, ademais, a expansión artística de Camiño Escena Norte.

Para o circuíto, Galicia seleccionou ás compañías Marta Alonso Tejada, co seu espectáculo Bailar Agora; Fran Sieira Compañía de Danza, con Demente e Pistacatro, con Sonámbulo. Pola súa banda, Asturias interviu no intercambio cultural de CEN con Fantastique Company e O secreto de Julio Verne; El Callejón del Gato, coa La niña de las trenzas del revés e Zig Zag Danza, que representou Mímesis.

A participación de Cantabria correu a cargo de Ruído Interno, con Como un suspiro; Escena Miriñaque, con Del otro lado e La Machina Teatro, que presenta Ecos en el fango. Euskadi seleccionou os traballos de Vaivén Producións, que participa con El Enjambre; Erre Produkzioak, con FAKE (Trampantojo); e Teatro Paraíso, que subirá ás táboas o seu espectáculo Úniko. Pola súa banda, Navarra entrou en Camiño Escena Norte con outras tres propostas artísticas da man de La Caja Flotante e Beautiful Stranger; La Banda Teatro Circo, con Kimera, e Yarleku Teatro con La casa más pequeña.

Camiño Expandido
Xunto ao Itinerario Constelacións conviviu un ano máis o programa Camiño Expandido que abarcou toda a actividade fora do circuíto de funcións. O crecemento da cuarta edición do CEN tamén se reflectiu nas actividades da programación: o reforzo de Cruces, máis compañías rexistradas en Habitación Peregrina PRO e a estrea de ESADS en Camiño. O proxecto complementouse con coloquios en liña e encontros co público tras as representacións.

O programa Cruzamentos, deseñado para promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías, foi a pedra angular de Camiño Escena Norte. En 2022, as bases de participación do proxecto flexibilizáronse. Ademais, o programa recibiu un impulso orzamentario debido á importancia que cobra para os profesionais implicados no proxecto a colaboración con outras formacións artísticas de diferentes territorios. Esta rede de estancias de creación escénica e intercambio artístico e profesional entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi comezou o 11 de agosto e finalizarán antes do remate do ano.

Colaboración con ESADS

Camiño Escena Norte estreou en 2022 ESADS en Camiño, un programa de colaboración coas Escolas Superiores de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e Asturias e a de Arte Dramática e Danza de Euskadi, Dantzerti. O alumnado das tres escolas entrou grazas a CEN en contacto cos profesionais en activo da cuarta edición, a través de encontros, talleres acerca de diversas disciplinas artísticas e prácticas que lles permitan achegarse a un día de traballo dentro dunha compañía.

Habitación Peregrina Pro

Entre o 13 e o 15 de setembro, o Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo acolleu a terceira edición do encontro profesional Habitación Peregrina PROL, no que están rexistradas 46 compañías e distribuidoras, e participaron máis de 70 axentes profesionais das cinco comunidades do CEN, un 35% máis que en anos anteriores. Centrado en conectar aos diferentes axentes do sector nas cinco comunidades participantes, os seus focos de interese son: sinerxías entre compañías e creadores e creadoras; a reflexión e formación ao redor dalgúns dos retos que afronta o sector escénico e as posibilidades de promoción, visibilización e distribución das compañías nos distintos territorios de camiño Escena Norte.

Promotores

CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi). Todas elas, unidas na supraentidad Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto.

Financiamento

CEN conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Goberno do Principado de Asturias, Goberno de Cantabria, Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia, Deputación Foral de Gipuzkoa e o Gobierno de Navarra, ademais do Goberno de España a través do INAEM. Colaboran tamén a Deputación provincial da Coruña, Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo, e os concellos de Arzúa, Vilalba, Ames e Viveiro, o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Centro Dramático Galego.

Vegalsa-Eroski manteuse como patrocinador oficial, cunha maior achega económica para esta edición, que reforzou o seu compromiso e aposta por un proxecto que promove o intercambio cultural entre territorios.

 

Grazas por acompañarnos. Vémonos no 2023!

 

© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.