
A V Xornada de Promoción Escénica e Musical consolídase no calendario profesional anual co récord de programadoras e programadores inscritos A V Xornada de Promoción Escénica e Musical consolídase no calendario profesional anual co récord de programadoras e programadores inscritos
O evento, que organiza Escena Galega xunto a AGEM, permitiu máis de 300 xuntanzas rápidas de venda
O pasado 1 de decembro de 2025 Escena Galega celebrou a V Xornada Profesional de Promoción Escénica e Musical de Galicia, a cuarta edición organizada xunto a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM). Este ano déronse cita 36 compañías socias de Escena Galega e 12 bandas e artistas asociadas a AGEM.
Na presentación da xornada participaron Patricia de Lorenzo, presidenta de Escena Galega, e Patricia Hermida, presidenta de AGEM; que estiveron acompañadas de Jacobo Sutil, director de Agadic, quen financiou a xornada, e Blas García, alcalde do Concello de Ames, que colaborou no evento coa cesión das instalación da Casa da Cultura do Milladoiro.
A presidenta de Escena Galega, Patricia de Lorenzo, fixo fincapé no número de profesionais da programación acreditados, que este ano alcanzou o seu máximo, con 50 inscritos, o que implica unha importante opción de venda de propostas culturais e contribúe a consolidar esta cita anual das asociacións. Pola súa parte, Patricia Hermida, presidenta de AGEM, destacou as sinerxías creadas entre os dous sectores grazas a esta xornada en común.
Presentación de propostas
Durante a sesión da mañá, presentáronse 17 propostas en formato ‘showcase’. Falaron dos seus novos proxectos ou da carteira de espectáculos dispoñibles Marta Alonso Tejada, Elefante Elegante, Evaristo Calvo de Producións Teatrais Excéntricas, Empatía Teatro, A Feroz, Sempre Arriba, Magia en la Manga, ButacaZero, Títeres Cachirulo, Constance Hurlé, Matrioshka Teatro, Ibuprofeno Teatro e Laboratorio Escénico Coop. Finalmente, Brais das Hortas (Charlatana) mostrou un petisco do seu traballo e Culturactiva presentou o seu catálogo de artistas.
Ademais, nesta rolda de presentación de propostas, convidamos a realizar cadanseu ‘showcase’ ás compañías portuguesas Companhia Certa (Varazim Teatro) e Teatro Experimental Flaviense de Chaves.
Espazo de relación entre profesionais do sector
Con este evento creamos un espazo de relación entre compañías, bandas de música, promotoras e distribuidoras e profesionais da programación escénica e musical, tanto de espazos públicos como privados, para axudar a facilitar a labor de distribución e venda dos espectáculos e actuacións musicais así como a súa contratación.
Ademais da pausa para o café e o xantar que serven como momentos ‘networking’, pola tarde deseñouse unha rolda de negocio coa que se organizaron máis de 300 xuntanzas rápidas entre empresas escénicas e musicais e os profesionais da programación asistentes.
Aquí podes ver o álbum completo de fotografías en Facebook.