ESCENA GALEGA NA FEIRA DE TEATRO DE CASTELA E LEÓN-CIUDAD RODRIGO.

A asociación continúa así coa súa liña de visibilidade en feiras e eventos profesionais.

ESCENA GALEGA NA FEIRA DE TEATRO DE CASTELA E LEÓN-CIUDAD RODRIGO.

Escena Galega estivo presente nun dos eventos profesionais de referencia no noso contexto, a Feira de Teatro de Castela e León-Ciudad Rodrigo.

A compañía asociada "A Panadaría" estreaba na feira a versión en castelán do seu espectáculo "Elisa e Marcela", que obtivo na súa función unha ovación co público en pé que enchía un dos escenarios principais de Ciudad-Rodrigo, o Patio de los Sitios.

Escena Galega tenta con esta liña estratéxica servir de plataforma de visibilidade das súas 34 compañías asociadas nas feiras, eventos e mercados máis importantes, a través do apoio ás compañías presentes neles e tamén coa distribución dos materiais promocionais da asociación, sobre todo a ferramenta fundamental que é o catálogo de compañías actualizado, así como networking cos axentes de referencia (profesionais da distribución, programación, institucións...) presentes nas feiras.

ENCONTRO EN VIANA DO CASTELO SOBRE CIRCULACIÓN ESCÉNICA GALICIA - NORTE DE PORTUGAL

Escena Galega organiza este 2º encontro profesional no Teatro Sá de Miranda o luns 24 de setembro.

ENCONTRO EN VIANA DO CASTELO SOBRE CIRCULACIÓN ESCÉNICA GALICIA - NORTE DE PORTUGAL

Unha das liñas estratéxicas nas que traballamos dende a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas é a apertura e conexión estratéxica cara novos territorios, por exemplo a través de proxecto Camiño Escena Norte e tamén dun traballo co sector escénico da Rexión Norte de Portugal arredor da posibilidade da circulación escénica transfronteiriza de carácter estruturado e estable.

O luns 24 de setembro organizamos en Viana do Castelo o 2º encontro profesional de traballo sobre esta temática, despois dunha primeira cita que tivo lugar o pasado 1 de decembro nas xornadas profesionais de Escena Galega no marco do Culturgal, na que mobilizamos unha trintena de axentes escénicos das dúas beiras do Miño.

Este encontro levarase a cabo grazas ao convite da Câmara Municipal de Viana do Castelo o do Teatro do Noroeste - Centro Dramático de Viana, e grazas á colaboración da Agadic - Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña.

ENCONTRO ABERTO CON ESCENA GALEGA NA MIT DE RIBADAVIA.

Cinco compañías asociadas participaron neste foro aberto con medios de comunicación e outros axentes escénicos.

ENCONTRO ABERTO CON ESCENA GALEGA NA MIT DE RIBADAVIA.

Na derradeira xornada da 34ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia Escena Galega tomou parte dun encontro aberto entre as súas compañías e diversos axentes convidados dende a dirección da MIT.

Participaron da actividade Ibuprofeno Teatro, Contraproducións, Tanxarina Títeres, Urdime e Teatro do Noroeste, presentando as liñas de traballo e filosofía de cada compañía así como os espectáculos e proxectos presentes e futuros.

Estiveron presentes, entre outros axentes, Raúl Losánez, do suplemento cultural do xornal La Razón, Daniel Galindo do programa "La Sala" de RNE, Vanesa Sotelo e Manuel Xestoso da Erregueté e Fabrice Corrons, da Universidade de Toulouse.

No debate posterior falouse, entre outras cousas, da internacionalización das artes escénicas galegas, das posibilidades de coprodución e traballo con outros territorios, da necesidade de documentar todo o patrimonio material e inmaterial que supón a traxectoria do teatro profesional galego e das principais liñas de traballo da nosa asociación.

CURSO DE DISTRIBUCIÓN IMPARTIDO POR NINES CARRASCAL.

Escena Galega organizou esta xornada formativa para as súas compañías asociadas.

CURSO DE DISTRIBUCIÓN IMPARTIDO POR NINES CARRASCAL.

Nines Carrascal é unha das produtoras e distribuidoras de artes escénicas máis recoñecidas do Estado. Licenciada en Historia Contemporánea e Máster en Xestión Cultural, Música, Teatro e  Danza (ICCMU), a súa traxectoria profesional comeza no ano 1995 no ámbito da produción e distribución de artes escénicas coa compañía Histrión Teatro, coa que leva producidos máis de 20 espectáculos.

 

Anos despois crea Escena Granada Distribución e traballa con compañías como a Companhia do Chapitô, Teatro del Velador, Producciones Imperdibles, Johan Lorbeer ou El Gran Dimitri. Como docente imparte numerosos talleres de distribución e participa como ponente en foros e encontros do sector. Dirixiu diversos estudos de investigación e actualmente é a comisaria de  MERCARTES 2018.

 

Escena Galega organizou a primeira xornada formativa do ano para as súas compañías asociadas o pasado venres 15 de xuño, na biblioteca do Consello da Cultura Galega. O curso tiña como obxectivos principais aprender a definir e estruturar un plan de distribución e entrenar técnicas e estratexias encamiñadas á venda.

 

O programa contou cos seguintes puntos:

 

1.- Planificación estratéxica da distribución. Cando comezamos a vender?

2.- Que vendemos? Como o vendemos? Aprender a construír un relato. 

3.- O prezo final e o prezo de custe.

4.- Estruturación do mercado: circuítos/redes, feiras, festivais...

5.- O cliente: quen é quen.

 

6.- Materiais de distribución.

 

A formación, baseada nunha mistura de teoría e supostos prácticos, incidiu nas estratexias de venda e distribución máis acaídas á realidade dun sector como o galego, traballouse cun modelo de elaboración dun caché con gastos fixos e variables e na presentación breve e concisa, en formato elevator pitch, dalgúns dos proxectos das compañías inscritas.

13 COMPAÑÍAS DE ESCENA GALEGA PRESENTES EN GALICIA ESCENA PRO.

Serán nove espectáculos e 4 novos proxectos presentados en formato pitching.

13 COMPAÑÍAS DE ESCENA GALEGA PRESENTES EN GALICIA ESCENA PRO.

Galicia Escena PRO, a feira galega das artes escénicas, celébrase entre o luns 11 e o xoves 14 de xuño, en 4 escenarios de Santiago de Compostela: o Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio ABANCA do Preguntoiro e Arteria Noroeste.

Nesta edición de 2018 son 150 os profesionais acreditados/as entre profesionais da programación escénica, compañías, feiras e festivais.

Escena Galega estará presente a través do traballo de 13 das súas compañías. Presentarán espectáculo Contraproducións con "Fillos do sol", Talía Teatro con "O servidor de dous amos", Tanxarina con "A galiña azul", Producións Teatrais Excéntricas con "Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira", Sarabela Teatro con "O rei morre", Elefante Elegante con "Patapúm!", A Panadaría con "Elisa e Marcela", Eme2 Producións con "A leituga" e Ibuprofeno Teatro con "Casa O' Rei".

Alén disto, as presentacións de proxectos en formato pitching acollerán tamén a 4 das nosas compañías: Teatro del Andamio presentará o espectáculo "Insubmisión", Chévere o proxecto "Anatomía dunha serea", Inversa Teatro "Sofía e as postsocráticas" e a compañía PistaCatro "Arnoia Arnoia: o circo da casa pequena".

Este ano Galicia Escena PRO programa ademais, en colaboración con MADFeria, dúas producións madrileñas: "Soñando a Pinocho" da compañía La Tartana e "Lo nunca visto" de La Estampida.

Toda a información sobre os espectáculos, datas e horarios en www.galiciaescenapro.gal 

 

Queres formar parte de Escena Galega?

Únete a Escena Galega e goza de todos os beneficios dos nosos asociados.

Ver condicións

Liñas de contacto de Escena Galega

Enderezo

Rúa Castiñeiro, 10 local 9
15894, Os Tilos-Teo
A Coruña

Contacto

+34 647 478 236
info@escenagalega.gal

Síguenos