A Xornada de Promoción Escénica e Musical consolídase no calendario profesional anual con 40% máis de programadoras e programadores acreditados

A Xornada de Promoción Escénica e Musical consolídase no calendario profesional anual con 40% máis de programadoras e programadores acreditados

O evento, que organiza Escena Galega xunto a tamén sectorial AGEM, propiciou case 400 xuntanzas rápidas de venda

O pasado 28 de novembro de 2023 Escena Galega organizou xunto con AGEM a 3ª Xornada de Promoción Escénica e Musical de Galicia promovida e coordinada dende as Asociacións.

Esta actividade, xa consolidada dentro da nosa programación anual, busca crear ano a ano un espazo profesionalizado de relación entre compañías, bandas de música, promotoras e distribuidoras e profesionais da programación escénica e musical, de espazos públicos e privados, para axudar a facilitar a labor de distribución e venda dos espectáculos e actuacións musicais, por unha banda, e de contratación dos mesmos, pola outra. A xornada desta terceira edición contou con case un 40% máis de profesionais da programación acreditados con respecto á edición anterior, fito que consolida o evento e o marca dentro do calendario sectorial profesional anual.

Grella da xornada

A sesión da mañá comezou coa presentación e proxectos e actividades sectoriais de cara ao vindeiro 2024, onde interviñeron as xerencias das dúas asociacións promotoras do evento, Diego V. Meizoso por Escena Galega e Patricia Hermida en representación de AGEM. 

O coloquio deu paso a 15 presentacións rápidas de compañías de artes escénicas e empresas musicais ante as e os/as profesionais da programación asistentes.

Con varias pausas de café-networking e un xantar de posta en común entre axentes escénicos, pola tarde deseñouse unha rolda de negocio coa que se organizaron case 400 reunións bilaterais rápidas entre empresas escénicas e musicais e os/as profesionais da programación asistentes.

A xornada contou foi posible grazas á colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Cidade da Cultura de Galicia, así como o patrocinio de Cafés Candelas.

Podes ver aquí o vídeo-resumo da xornada

© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.