Escena Galega estrea directiva, con gran peso feminino e representación de moitas disciplinas para o mandato 2024-2026

Escena Galega estrea directiva, con gran peso feminino e representación de moitas disciplinas para o mandato 2024-2026

Patricia de Lorenzo (Grupo Chévere) lidera a nova equipa directiva da asociación, á que tamén se incorporan A Panadaría, Artika Cía e Teatro do Noroeste en postos de saída

Tras a Asamblea Xeral ordinaria celebrada o pasado 5 de marzo, a Xunta Directiva de Escena Galega muda para dar arranque ao novo ciclo de traballo 2024-2026. 

Patricia de Lorenzo, da socia Grupo Chévere, asume a presidencia da Asociación neste novo mandato. En postos de dirección entra tamén Noelia Fernández Castro (A Panadaría) como vicepresidenta da entidade, Rocío Salgado (Artika Cía) como secretaria e Eva Alonso (Teatro do Noroeste) pasa a desenvolver labores de tesouraría. 

Marta Alonso Tejada colle o relevo na vogalía de Danza e Artes do Movemento, resultando elixidos -tamén como vogais- Belém Brandido (Pistacatro), Antonio "Tone" Martínez (Galeatro), Guillermo Carbajo (Redrum) e mais Gustavo Del Río (Os Náufragos Teatro).

O novo equipo de goberno da entidade sectorial érguese diverso, con representación de compañías de ampla traxectoria, mais tamén con outras máis emerxentes e de nova creación, buscando a maior representatividade posible para con todas as disciplinas e liñas artísticas. Amosa tamén grande diversidade territorial, con presenza de compañías con domicilio en A Coruña, Carballo, Vigo, Santiago ou Ames. 

Destaca, do mesmo xeito, a enorme presenza de perfís femininos, estando 6 dos 9 perfís ostentados por mulleres. Mantense neste novo mandato a vogalía de Danza e Artes do Movemento, asumindo Marta Alonso Tejada esta carteira. 

Arranca así un novo ciclo de traballo dentro da Asociación de Empresas de Artes Escénicas de Galicia, cunha Xunta Directiva nova e forte para unha entidade de enorme representatividade sectorial, con 59 compañías asociadas de todas as disciplinas escénicas, a maior parte do sector escénico prefesional galego. 

Dende Escena Galega e todas as empresas que a compoñen, quere agradecerse á executiva saínte -Eva Triñanes de Charlatana, Juan Rodríguez de Caramuxo, Paula Quintas de Paula Quintas Cía e, especialmente a Santiago Cortegoso de Ibuprofeno- o seu traballo e adicación constantes dentro da asociación en prol da mellora do sector. 

© Escena Galega. Todos os dereitos reservados. Deseño: Diego Seixo.